Sobre

O SALÓN TEATRO ACOLLE HOXE A PRESENTACIÓN DO PREMIO BORN 2007

A obra gañadora do galardón de textos dramáticos en 2006, "Origami", edítase en lingua galega.

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle hoxe sábado 21 de abril ás 12.00 do mediodía a presentación das bases que rexerán a XXXII convocatoria do Premio Born de Teatro 2007. Trátase dun dos galardóns para textos dramáticos de maior dotación de cantos se convocan en España, xa que está remunerado con 18.500 euros, ademais de levar a edición da obra gañadora que, por primeira vez na historia do premio, poderá ser traducida e publicada en galego, froito dun convenio de colaboración asinado coa Revista Galega de Teatro (RGT).
O acto, organizado polo Cercle Artístic de Ciutadella e o Centro Dramático Galego (CDG), contará coa intervención de Néstor Rego, concelleiro de Cultura de Santiago de Compostela; Miguel Martín, xerente do Igaem (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), Antón Lamapereira, director da RGT; Esperança Pons, presidenta do Cercle Artístic; Cristina Domínguez Dapena, directora do CDG; Antoni Juaneda, director xeral de Relacións Institucionales do Govern de les Illes Balears; Damián Borrás, vice-president e primer conseller de Presidencia i Movilitat del Consell Insular de Menorca; e Jorens Brondo, alcalde de Ciutadella (Menorca).
Tras as intervencións, os responsables de Primer Acto e da Revista Galega de Teatro presentarán a edición de Origami, título da obra coa que o escritor Carlos Be gañou o Premio Born 2006. Precisamente, a RGT será a publicación que editará a versión galega do próximo texto distinguido con este galardón, o que suporá a súa tradución a todos os idiomas oficiais do estado español, xa que até agora xa se viña difundindo en castelán, catalán e éuscari.
Creado en 1970 polo Cercle Artístic, Sociedade Cultural de Ciutadella de Menorca, o Born superou xa as trinta convocatorias.
Nas bases do galardón especifícase que os orixinais poderán concorrer escritos en calquera das linguas oficiais de Illes Balears e que os autores poderán presentar baixo lema cantas obras desexen, sempre que non fosen publicadas, representadas nin premiadas con anterioridade.

EL CORREO GALLEGO

¿Quieres compartirlo?

0 Comentarios