Sobre

"ORIGAMI": O EFECTISMO DA RENUNCIA AO EFECTISMO

"Coma se dun novo ismo se tratara, as relacións humanas, en toda a súa complexidade, e no contexto interactivo do drama, préganse e despréganse sobre o papel no que se abre Origami. Aquí e agora, hic et nunc, non se trata do reflexo nun espello cóncavo nin convexo nin plano, senón máis ben da arte da dramaturxia feita papiroflexia. A vida ten moitos pregos, e a dramaturxia de Be xoga cun mecanismo de pregue e despregue similar. As estratexias e os obxectivos dos personaxes que guían a acción agóchanse tralas dobreces espertando infindas expectativas na recepción. Réplicas curtas de longa repercusión, pinterescas, con vocación de buril, prosa recortada ao Bernhard, pero sen anafóricas obsesións. En Origami as expectativas que cada pregue activa na recepción son efectos que o dramaturgo nos inflixe a modo de reflexos: “Danche un golpe cun martelo nun punto determinado e actívase o reflexo correspondente. Non hai posibilidade de elección.” Podes dicir unha cifra, entón o dramaturgo fai o seu número, manipulando no flexágono. Amósache varias posibilidades, cada unha garda debaixo un segredo, son como portas pechas, ti debes optar, entre elas, por unha soa, escoller un camiño. Cada pestana que se abre ten alomenos tres ángulos. Carlos Be preséntanos un ceo-inferno no que cada número, cada opción, vainos inducir cara a un camiño sen saída, esa é a sorpresa.
A obra desenvolve unha relación materno-filial que se anuncia extraordinaria, nun origami de vínculos entre os que asoma o erotismo, o sadomasoquismo, o vitimismo, o amor, o odio, a complicidade, a dependencia… pero, finalmente, ese núcleo non será máis excepcional do que pode ser calquera relación materno-filial. É nos espellismos que xera cada ángulo da peza onde a historia entre esa nai e o seu fillo se nos figura insólita e desacougante.
O personaxe de Aldo, o fillo, é actor pero, á vez, espectador privilexiado, xa que semella controlar e coñecer os fíos máis escuros e inquietantes da trama. Na segunda parte da obra incluso exterioriza pensamentos de dúbida e expectativas que ben poderían ser as mesmas que asolagan ao espectador. Neste senso, Carlos Be, sen facer concesións á voz autoral, sabe cinguirse estritamente á voz obxectiva do drama e deixar falar e actuar aos personaxes directamente, pero no caso de Aldo conxúgase personaxe e omnisciencia dramatúrxica nunha mesma entidade, a xeito, case, de metapersonaxe.
Origami coquetea co efectismo, coa truculencia, como algo latente nunca manifesto, conseguindo unha tensión dramática extrema de principio a fin, que nos engancha no seu suspense sen darnos un respiro, nin posibilidade de zafarnos. Cóllenos e non nos solta deica ao final, e nin aí nos deixa libres. A ra, finalmente, non é príncipe nin princesa, coma nos contos. A ra é ra e croa, trala porta branca.

Afonso Becerra de Becerreá
REVISTA GALEGA DE TEATRO 50

¿Quieres compartirlo?

0 Comentarios